A filóloga galega Helena Miguélez presentou o pasado venres no café-libraría Linda Rama o seu libro Galiza, um povo sentimental?, que edita Através Editora. Esta profesora titular de Estudos Hispánicos no departamento de Linguas Modernas da Bangor University (Reino Unido) elabora unha documentada análise arredor da construción do estereotipo de Galicia como un pobo sentimental e morriñento, así como da funcionalidade política que historicamente puido ter este discurso.

-O seu libro céntrase na análise do estereotipo de Galicia como un pobo sentimental. En que consiste esa sentimentalidade?

-A identidade galega moitas veces se vencella á palabra sentimentalidade ou a outros adxectivos que remiten á mesma idea: a de Galicia como un pobo poético, lírico e ao galego como unha lingua musical, cantareira, meiga. Acontece o mesmo coa idea da morriña e a saudade, que se utilizou moito para remarcar esa especie de ser galego como algo máis emotivo que racional. Son palabras que parece que non din nada pero que remiten a iso. Construíuse un estereotipo en torno a Galicia marcadamente sentimental, máis feminino, que se contrapón co político. Esta dicotomía entre masculino-razón e feminino-sentimento é algo moi do século XIX, cando comeza a marcarse a familia e o fogar como o lugar da muller e o traballo e a política como o do home. Partindo disto, creo que o feito de que o galego sexa o feminino foi unha forma de despolitizar e desmobilizar o discurso que estaba nacendo sobre unha posible diferenza ou aspiración nacional galega.

-A construción deste estereotipo de Galicia, tivo algunha funcionalidade política?

-Isto coincide coa emerxencia do nacionalismo periférico, na segunda metade do século XIX. Cando os historiadores decimonónicos comezaron a teorizar sobre a diferenza nacional galega, nutríronse do pozo do celtismo para extraer o seu imaxinario e foi de aí de onde saíu un vocabulario que remitía á idea de forza, do guerreiro celta e fero. A reacción das posicións centralistas para desmobilizar este discurso foi a de configurar unha versión das orixes celtas dos galegos que non remitía a esa idea de forza, senón á idea do celta sentimental. Isto fíxose tamén en Francia para falar dos bretóns e en Reino Unido para falar de galeses ou irlandeses.

-Apunta na obra a que, ás veces, estes relatos son ambivalentes para colonizadores e colonizados. Serviulle de algo ao galeguismo este discurso sentimental?

-Si. Posteriormente, e dun xeito moi complexo, os propios pensadores dese rexionalismo político galego, como Manuel Murguía, comezaron a beber dese vocabulario da feminización. De feito, Murguía chega a falar do galego como unha lingua feminina. O interesante deste argumento é ver até que punto os movementos galegos se serviron deste imaxinario e até que punto en nome dese imaxinario se creou cultura aquí. Unha cultura que até o día de hoxe perdura na música, co folk como neno mimado, ou nesa valoración do poético en detrimento de outros estilos de arte.

-No libro fala da quebra entre o vello rexionalismo e o nacionalismo que nace coas Irmandades da Fala. Como é ese proceso?

-O proceso da feminización da identidade galega comezou a rodar a finais do S. XIX. Por tanto, cando comezaron as Irmandades da Fala en 1916, eles xa eran conscientes de que levaba en curso todo ese aparato de sentimentalización da identidade galega e de que tiñan que poñerlle freo. Vese nos primeiros números de A Nosa Terra, nos que os irmáns Villar Ponte expresaban xa esa idea de que nos temos que deixar de laios e da poesía dos rexionalistas vellos. Eles querían ser o novo home político, o novo nacionalista e pensaban que para repolitizar o nacionalismo galego había que desentimentalizalo.

-De Rosalía de Castro di que foi unha icona instrumentalizada desde o momento en que morre.

-O proceso foi inminente e fulminante. No momento en que Rosalía morre xa se convertiu no arquetipo deste tipo de discurso, coa connivencia de Murguía, que foi o primeiro orquestador do mito. Pero iso foi un arma de dobre filo para o nacionalismo e o antinacionalismo galego. Rosalía era unha muller poeta, os dous marcadores necesarios para dicir que Galicia era un pobo poético e sentimental.

-Apunta que, logo da guerra, o canon literario galego que se creou foi de autoría maioritariamente masculina. Pode explicar isto a polémica ausencia de mulleres na RAG?

-Si, sen dúbida. Se a alta cultura galega se institucionalizou a través de criterios patriarcais, cousa que penso que é un feito, vai levar aínda moito tempo desfacer todo iso. En todas as canles que hai para acceder a posicións de poder desde as que teorizar o feito cultural galego vai custar que entren as posicións de xente que é considerada subalterna ou allea a eses círculos de poder.

-Di que este é un discurso interesadamente elaborado desde fóra de Galicia pero os galegos asúmeno. Cales deberían ser as chaves dun posible novo relato?

-Eu penso que calquera que faga un mínimo esforzo por atopar as historias de dignidade deste pobo estará a poñer unha pedra na reconstrución identitaria que se nos debe. O ano pasado fixen un traballo arredor da historia da Casa Museo de Rosalía, en Padrón, que puido ser restaurada grazas a unha suscripción popular dos anos 70, 71 e 72 de xente que foi dando os seus cartiños. Xente labrega, obreira, pescadora que xuntou 1,5 millóns da antigas pesetas. E iso non se sabe. Hai que visibilizar esas historias.