-Tras estes dous anos, cal e o papel de EU no Concello?

-Temos un papel moi importante, quizais determinante na modificación dos tipos de política que se estaban desenvolvendo no Concello. Eran manidas e non se estaban a tratar os problemas reais da cidadanía. Coa entrada de EU no Concello esto dá un xiro diametral e obriga ao resto das forzas da oposición a cambiar a súa forma de facer política. Dende o primeiro momento centrámonos en facer algo que prometimos, facer de correa de transmisión das necesidades da veciñanza. Comezamos con asambleas de barrio. Os veciños nesas asambleas non están a escoitar senón que son escoitados, tomando nota para trasladalas ao Concello. O compromiso é ter unha democracia real, participativa.

-Como cambiou, segundo vostede, ás outras forzas?

-Os outros grupos tamén están saíndo á rúa cando antes ficaban no pazo de María Pita traballando de costas á cidadanía. A oposición e o PP, que está saíndo tamén á rúa, non lle queda máis remedio, aínda que saen só a facerse a foto. Notamos perfectamente cando desenvolvemos unha asamblea de barrio como inmediatamente se produce unha acción-reacción e en pouco tempo o Goberno visita o barrio. - hai outra cousa importante. Outro xeito de facer política. Intentar fomentar o debate e a negociación.

-Gústalle como se desenvolven as sesións plenarias?

-Non, en absoluto, aínda que entramos nós con outro xeito. Dende logo o que está pasar aí, que parece un partido de pinpon, pueril, entre as bancadas do PSOE e o PP. Para nós é paradigmático porque parece que teñen grandísimas diferencias pero á hora da verdade cando teñen que defender os intereses comúns, vexamos urbanismo, ao final coinciden. É todo unha expresión mediática para dar a ver unhas diferencia que non son reais.

-Síntese valorado polo resto dos grupos da Corporación?

-Eu considero que si. Dende logo as nosas propostas debátense con forza e contundencia. Somos unha forza política in crescendo no Estado e máis na Galiza coa coalición de AGE, que na provincia da Coruña está dando nos últimos estudos preto do 25% que na cidade aínda está a ser superior. Somos unha forza que o que ten en mente é o goberno. Nós estamos convencidos que podemos transformar a sociedade e cambiar as cousas, que o mellor sitio para comenzar a facer eses cambios é no eido do local como Administración máis cercana á cidadanía.

-Teñen enquisas sobre un hipotético resultado na cidade?

-Nestes momentos moitas enquisan nos dan xa directamente o sorpasso ao PSOE e somos con rotundidade a segunda forza política e moi, moi preto do PP. Os datos que barallamos son porcentaxes e non en escanos pero podemos estar falando de pasar tranquilamente segunda ou primeira forza no Concello. Un incremento do tropecentos por cen. Enorme, enorme. Precisamente o que queda claro é que non cae do ceo, vén dado por un traballo de seriedade, honestidade, ética e esforzo. O que se está a demostrar é que EU-Os Verdes na Coruña, cun só concelleiro, está a facer o mesmo que outros con oito.

-Eses resultados serían con Anova ou sen Anova?

-Esos serían coa coalición.

-Esa coalición está encamiñada para as próximas municipais?

-Aínda é cedo para falar diso pero dende logo hai que esperar á vindeira asamblea nacional que ten Anova para o mes que vén. Nós tivemos a nosa hai un mes e quedou clarísimo que EU aposta por unha fronte ampla dunha esquerda real e transformadora.

-Vese alcalde?

-A nosa forza aplica no interior esa radicalidade democrática que queremos no exterior. Non facemos como os que ignoran as bases e presentan de número un a senador un que estaba de número oito.

-Non parece haxa moita química coas dúas forzas da oposición como para formar goberno.

-Non é así. Nós temos un traballo e un trato exquisito co BNG. Considero que o grupo municipal está facendo moi bo traballo, coincidimos claramente en moitas das nosas denuncias. Practicamente todas as mocións que presentamos eles as apoian e viceversa. Temos moitísimos puntos de encontro co BNG. Lévome perfectamente ben con Xosé Manuel Carril, de feito considero que é unha grandísima persoa e un gran político. Outra cousa distinta é co PSOE, que nós entendemos que nas próximas eleccións é máis probable unha coalición PP-PSOE para eliminar a EU ou AGE do Goberno.

-Que tería que cambiar nos socialistas coruñeses?

-Non é un problema que Esquerda Unida teña un problema coas bases do PSOE. Nós entendemos perfectamente que as bases do PSOE é xente verdadeiramente de esquerdas, que defende valores semellantes aos nosos, independentemente dos matices. Pero a realidade é que as cúpulas do PSOE non están en sintonía coas súas bases.

-Nun escenario de coalición e sen ser a forza máis votada. A que nunca renunciaría EU?

-Por suposto ao programa. Está claro que nós non funcionamos por persoas, por carguiños, asesores, postos en empresas municipais? Iso é superficial, secundario. O noso é programa. Nós non podemos renunciar a unha parte moi importante: participación cidadá, investimento social, as nosas propostas de economía verde, formentar o cambio do modelo productivo? todas estas propostas de programa que habería que mirar e que son absolutamente irrenunciable.

-Cambiou o Concello con Negreira estes dous anos?

- O PP leva toda a vida democrática da cidade na oposición, queixándose das formas de facer do PSOE. - que cambiou? As políticas son continuistas. Como é un goberno conservador non fai investimento en políticas sociais, faino en beneficiencia. En políticas urbanísticas están a tapar todo o que vén de goberno de Vázquez. Negreira é un bluf. Nin cumpriu co mantra do PP antes de chegar: o emprego. Na parte económica están traballando moi mal e iso que eles se poñen o título de grandes xestores. Grandes xestores de nada. O que son son grandes xestores do mundo mediático. Porque se realmente o goberno municipal centrase a metade do esforzo que adica ao mundo mediático. Se isto o empregase realmente ao ben da cidadanía, outro galo nos cantaría.