Entrevista | Felipe-Senén López Gómez Arqueólogo e historiador da cultura galega

Felipe-Senén: “Os coruñeses non deberían dar as costas ó monumento a Curros de Asorey”

O historiador analiza nun novo libro a vida e a traxectoria artística do popular escultor cambadés

Felipe-Senén, este martes na Academia de Belas Artes. // GERMAN BARREIROS/ROLLER AGENCIA

Felipe-Senén, este martes na Academia de Belas Artes. // GERMAN BARREIROS/ROLLER AGENCIA

A Real Academia Galega de Belas Artes, que este 2024 cumpre o seu 175 aniversario, honrou este ano ó escultor Francisco Asorey co Día das Artes Galegas. Co gallo desta homenaxe, o arqueólogo e historiador da cultura galega Felipe-Senén López Gómez debulla a vida e a obra do artista cambadés nun libro titulado O Escultor Asorey, editado pola Deputación da Coruña. O autor, colaborador de LA OPINIÓN, presentou este martes a publicación na sede da Real Academia Galega de Belas Artes.

Que novas achegas sobre a figura de Asorey recolle o seu libro?

Hai unha achega moi importante que é a súa vinculación e colaboración coa Academia Galega de Belas Artes dende o ano 1947. Por exemplo, entregando a maqueta dunha gran escultura. Hai unha reprodución do propio artista na Escola de Artes e Oficios Pablo Picasso. Outra achega é a importancia que tivo na Xeración Nós, falando de canto significaba a arte galega en Mondariz. Ademais, revélansen outros elementos: a teima de Asorey coas súas estruturas que comezan cunha base e prolónganse en ascese, do caos ao cosmos, ata converxer nunha forma piramidal, de cruz ou de árbore en algo de aura. O monumento a Curros Enríquez é, a ese respecto, ben explicativo.

Como resumiría a importancia de Asorey para a arte galega?

Reivindicar as esencias de Galicia a través da escultura.Figuras que van moi cargadas, como diría Castelao, con esencias do país, representando a dignidade dun pobo, un aspecto que debera de entenderse mellor nesta época en que somos tan propensos ao esperpento, a aculturación ou ao feísmo.

Ramón Cabanillas definiu o Cambados no que viviu o propio Asorey como “pobre, fidalgo e soñador”. Cal dos tres adxectivos define mellor ao escultor?

En Asorey, como en todos os artistas da Xeración Nós, hai unha dialéctica dun pobo labrego e traballador pero cunha gran base de fidalguía. Ao fin e ao cabo, Compostela e as vellas vilas como Cambados son base dunha nobleza na cal radica o espírito cristián deste país.

Con 14 anos, o protagosnita do seu libro marchou a Barcelona e máis tarde a Euskadi e Madrid. Como afectaron esas estadías á súa obra e á súa personalidade?

Polos lugares polos que vai pasando vai collendo pegadas. Nos Salesianos, en Barcelona, atópase con grandes mestres como José Parellada e dedícase a facer imaxes da Virxe e de Cristo, estudando a anatomía e a expresión do corpo. Ademais, Cataluña é moi importante para recuperar ese catalanismo que el quere reflectir en Galicia e ao pasar por Euskadi tamén ve o mesmo a través das pinturas de Zuloga ou Zubiarre, que teñen marca de país, de terra. E, cando pasa por Madrid, métese no simbolismo que o caracteriza. A linguaxe dos símbolos que coida moito Asorey e que se engade ao que xa tiña aprendido de cativo: o románico.

E como inflúen nel os momentos históricos que viviu: a Segunda República, a Guerra Civil ou a Ditadura?

Asorey estaba moi metido no seu traballo. No seu caso, traballando para Galicia e vendo como moitos amigos eran paseados ou tiñan que exiliarse. El refúxiase na escultura. Asorey cúbrese, nesa etapa, cunha boina igual que o seu amigo Cabanillas. Eles, que eran tan católicos e tan célticos,nun momento de tensións, sempre intentaron dignificar a arte galega.

Como a Risco e Otero Pedrayo, a Asorey pesoulle máis o catolicismo que calquera ideoloxía...

Sen dúbida. É así. Pero o cristianismo, como outras teorías, ten os seus límites. Aquí estaban moi na liña cristiá dunha igrexa da liberación ao estilo Basilio Álvarez, que reivindicaba o mundo tradicional.

Como era Asorey nas distancias curtas?

Moi humilde e moi traballador. Era unha persoa moi introvertida, moi amiga unica e exclusivamente dos seus amigos. Non gustaba que o fosen ver como traballaba agás os amigos máis íntimos. De feito hai moitos comentarios deseguidores e escultores que o vían como unha persoa afastada e apartada.

Máis dun milleiro de obras en 72 anos de vida. Con cal se queda?

Sen dúbida, o monumento a Curros na Coruña [nos xardíns de Méndez Núñez]. Os coruñeses deberían aprecialo e non darlle as costas con grandes palcos, presentacións de libros ou tenderetes tapando este monumento tan grandioso. Ademais, nos anos 40 perfílase o edificio Colón, antigo Hotel Embajador, e quítalle a perspectiva xa que a obra estivo confecciona para unha gran explanada, como se fose un altar. Trátase dunha obra chea de simbolismo e que asinou co seu nome e apelido, algo inusual.

E que lle parece a peza A Santa? Esa escultura provocadora que representa a unha labrega espida.

A diferenza de O Santo, non gusto tanto. Incluso visitantes cortesanos como a raíña Victoria Eugenia sentíronse repelidos.Dixo queera unha obra grotesca e que como se atrevía o escultor. Tampouco lle gustou a Valle Inclán, amigo de Asorey. A peza representa a muller galega, de corpo moi sufrido polo traballo, pero cun rostro de grandísima dignidade. Unha auténtica Venus galega. En realidade, era un símbolo de raza, entendendo esta palabra como unha reivindicación da dignidade de Galicia fronte ao asoballamento doutras culturas.

Que papel ten a muller na súa arte?

Galicia, ata a era industrial que trastocou moitos aspectos de tipo cultural, foi un país moi matriarcal. Non hai nada máis que ler a poesíae ver a pintura onde se representa a muller como unha cosmogonía, unha esfera, envolvendo ao neno.E en Asorey vese iso perfectamente.

Suscríbete para seguir leyendo