O coleccionista da nostalxia na Cidade Vella da Coruña

Daniel Prieto impulsa o proxecto ‘Cidade Vella, foto a foto’ para recompilar imaxes do barrio antigo coruñés

Daniel Prieto, promotor do proxecto ‘A Cidade Vella, foto a foto’, na Praza das Bárbaras.

Daniel Prieto, promotor do proxecto ‘A Cidade Vella, foto a foto’, na Praza das Bárbaras. / Carlos Pardellas

Daniel Prieto aínda lembra cando, de cativo, ía cos seus amigos a buscar caracois ás ruínas do Convento de San Francisco, ao carón do Museo Militar, na Maestranza. Tamén recorda xogar coa pelota, con sete anos, na praza da Colexiata. O denominador común das súas lembranzas infantís é a Cidade Vella, de onde é veciño, na avenida Porta de Aires. O seu amor polo barrio no que medrou levou a este mozo coruñés de 28 anos a emprender un laborioso proxecto: reunir fotografías antigas da Cidade Vella.

A iniciativa xurdiu ao abeiro do Máster en Xestión Cultural da Universitat Oberta de Catalunya que Daniel estuda a distancia tras graduarse en Ciencias Políticas. “Pensei en combinar dúas realidades que me gustan moito: a fotografía e a historia. E, ademais, quería desenvolver un proxecto que nutrise ao barrio e á cidade e, por outra parte, que non fose efímero”. Así naceu A Cidade Vella, foto a foto, un repositorio web onde o coruñés recompila imaxes antigas da zona, dunha Coruña en branco e negro.

Foto antiga da Avenida Porta de Aires.   | // LOC

Foto antiga da Avenida Porta de Aires. / LOC

O seu obxectivo é claro: “A iniciativa nace con carácter de colaboración. O que busca é que a xente se involucre. Por unha parte, que mande as fotos que teña da Cidade Vella e, por outra, que comente as publicacións que penduro nas redes. Compartir inquitudes e descubrimentos é o que máis me motiva”. Por iso, lamenta non posuír os suficientes coñecementos informáticos para convertir o repositorio web nun blogue.Outro dos atrancos é o seu escaso tempo. A maiores de estudar, Daniel imparte clases de españois a estranxeiros polas tardes. Comezou con este traballo en Polonia, onde residiu un ano cun programa de voluntariado para unha ONG, e agora ensina a oito alumnos.

Camiño do cento de imaxes

Daniel lanzou o proxecto o pasado luns, 10 de xuño. Xunto coa páxina web, abriu contas nas redes sociais X e Facebook, onde pendura publicacións comparadando unha foto antiga xunto con outra actual para apreciar os diferenzas. Ademais, mantén operativo un enderezo electrónico para recibir todo o material: acidadevellafotoafoto@gmail.com.

Polo momento, reuniu preto de 70 fotos e no repositorio dixital expón unhas 50. A maioría pertencen a arquivos municipais, ao da Real Academia Galega ou ao do Reino de Galicia. Desexa que o proxecto colla pulo canto antes para ver a bandexa de entrada do correo eléctronico chea de aportacións.

A súa fotografía favorita é unha tomada na rúa onde se sitúa a súa casa familiar, en Porta de Aires: “Quizais é porque vivín sempre moi preto de onde se tomou pero é unha foto moi especial. Calculo que data de finais do séxulo XIX. Nun primeiro plano hai unhas mulleres e podemos ver os vías dos tranvías. É moi sorprendente porque evidencia os cambios que experimentou a cidade: daquela o transporte público chegaba ata aquí mesmo”, conta.

En canto ao seu lugar máis prezado da Cidade Vella, o mozo coruñés non ten dúbidas: a praza das Bárbaras. “É un sitio moi especial. Coas árbores hai unha enerxía moi tranquila. É un bo lugar para sentar e desconectar, ao igual que o Xardín de San Carlos, temporalmente pechado”, debido á grafiose que afecta ós olmos.

O patrimonio urbanístico, artístico e cultural do barrio antigo coruñés é un dos principais atractivos da cidade. O promotor do proxecto fotográfico destaca, sobre todo, “a Igrexa de Santiago ou a Casa Reixa Dourada, que ardeu hai uns meses”. No tocante ao patrimonio que xa non pervive, Daniel lembra, con mágoa e nostalxia, que lle tivese gustado visitar Casa dos Tobías, edificio situado, en tempos, na Porta Real. O inmoble tiña unha fachada modernista cunha riqueza arquitectónica importante e que nos anos 60, por desgraza, tirouse abaixo.