A Real Academia de Belas Artes dedica o Día das Artes Galegas a Isaac Díaz Pardo

A institución renderá homenaxe ao intelectual a través da difusión da súa figura no ámbito educativo: “A súa obra pode achegarse aos rapaces a través do debuxo”

Isaac Díaz Pardo, en 2008

Isaac Díaz Pardo, en 2008

O intelectual, pintor e deseñador Isaac Díaz Pardo será a figura en torno á que xirarán o Día das Artes galegas o vindeiro ano. Así o vén de decidir por unanimidade o pleno da Real Academia de Belas Artes, que se propón reivindicar o legado dunha figura “importantísima” no campo “da pintura, do deseño, da investigación” e de outros moitos.

O presidente da institución, Manuel Quintana Martelo, avanza que as intencións da academia son levar a figura do fundador do Laboratorio de Formas ao ámbito educativo, ca fin de achegar ás escolas a magnitude da obra plástica, pictórica e intelectual do polifacético artista galego. “Nos últimos anos fixéronse varias exposicións importantes. A última delas, comisariada polo seu fillo, Xosé Díaz, que é académico. Tamén se editou un libro grandísimo sobre a súa figura. Cuestionámonos moito cara onde queríamos ir con esta homenaxe”, reflexiona Martelo.

Alén da posibilidade de artellar un novo proxecto expositivo que afonde na súa vida e obra, o terreo de reivindicación principal estará o vindeiro ano nas aulas. As propias características da obra artística e pictórica de Isaac Díaz Pardo préstanse a traballar sobre ela nos centros educativos, como tamén nos seus distintos niveis e idades. “Imos centrarnos en difundir a importancia que ten que iniciara a súa andaina como artista plástico, viaxe posteriormente fóra de España e traba relación con renovadores galegos como Seoane ou Laxeiro. Grande parte da súa produción estivo no marco da sinxeleza da liña, do trazo e da esencia da forma. Vai moi ben co que é esa imaxe que supera o marco propio do deseño e entronca na investigación da forma. Pode achegarse ao debuxo dos rapaces no ámbito do ensino medio e no deseño superior”, conta o presidente da Real Academia de Belas Artes.

Quintana Martelo avanzou que a institución comezará axiña o “diálogo coas institucións e cos colectivos” para deseñar a programación en torno á figura do intelectual. Este ano, o artista homenaxeado foi Francisco Asorey, que contou cun ambicioso proxecto expositivo na Cidade da Cultura, impulsado pola Xunta de Galicia.