Marino de Mera: “Cen anos coas botas postas”

O equipo de Oleiros festexa o século con partidos e churrasco

O presidente do Marino, coa fotografía, onte no campo.   | // OLEIROS

O presidente do Marino, coa fotografía, onte no campo. | // OLEIROS

M. V.

“Eu son xabroneiro, con tres anos xa xogaba nese vello campo de O Xabrón, e téñolle moito cariño. Pero o novo campo... non hai cor, iso é un estadio”, explicaba este sábado Eligio Nogueiras, presidente do Marino de Mera, que onte celebrou o acto central do seu centenario cunha churrascada e partidos amistosos no recinto de A Marola, que estrearon hai dous anos despois dun investimento de cinco millóns de euros do Concello de Oleiros.

“Dende que temos o novo campo aumentamos moito a captación de socios e xogadores de todas as categorías”, confirmou Nogueiras. Durante este mes de xuño xogáronse varios partidos en todas as categorías dentro do programa de festexos do século de vida e onte foi o día principal cun partido amigable de veteranos e a entrega dun recoñecemento do alcalde de Oleiros, con presencia de responsables da Federación Galega de Fútbol e clubes invitados, ademais de moita veciñanza. Ángel García Seoane entregoulle ao presidente, entre outros, un cartel cunha fotografía de integrantes de todas as categorías do equipo, co lema: “100 anos coas botas postas”.

O Goberno local destacou o gran traballo de canteira do Marino, que se materializou co ascenso do equipo xuvenil á Liga Galega e do primeiro equipo a segunda autonómica”.

O Marino de Mera fundouse en 1924 co nome de Sporting Mera. Pasou a ser o Marino en 1930, ao estar a maioría dos xogadores relacionados co mar. En 1996 xogou unha final da Copa da Coruña en Riazor contra o Atlético Arteixo, que perdeu, ao igual que lle pasou na final de 2004. Sen embargo, en 2014 logrou volver a Primeira Autonómica, na que non estaba desde 1991.

“Agora somos uns 300 socios, con xogadores de todas as categorías, en dúas incluso doramos. E o obxectivo para a vindeira temporada é formar un club feminino de fútbol 7”, sinalou Eligio Nogueiras.

“E fun trinta anos xogador, extremo esquerdo nato, dos de antes. Chamábanme Lilí. Despois pasei a estar na directiva, levo corenta anos, e de presidente do Marino, cinco anos”, engade o presidente, de 76 anos. Nogueira asegura que coma Mera non hai nada. “Aquí non hai casa para comprar nin alugar”, asegura como bo meracho.

Suscríbete para seguir leyendo