Opinión | Retallos do labirinto

Felipe-Senén Historiador da cultura galega

A Brocéliande gala, Galiza e os bosques máxicos dos celtas

Fronte ao altar, erguido á luz, o bosque simboliza o couto escuro, o santuario no que medra en caos a espontaneidade ceibe, a dialéctica creación-destrución da natureza animal, vexetal e mineral. Mundo e Trasmundo, misterio trenzados. Bosque no que a árbore que funde as raiceiras na terra e ergue a ramaxe á luz, é tan esencial, como o manancial de vida, ou a pedra... Sendo a selva o lugar para a proba iniciática de cabaleiros, peregrinos, de ermitáns... onde atoparse coas probas de fadas, trasnos, xianas, magos ou meigas.

A Brocéliande gala, Galiza e os bosques máxicos dos celtas

A Brocéliande gala, Galiza e os bosques máxicos dos celtas / Felipe-Senén Historiador da cultura galega

Bretemoso confín de Iberia, a tópica Terra Meiga, a que se di de tarascas e monstros, representados en canicelos, gárgolas, o país do Libro Máxico do San Cibrao, de inspiradores bosques animados, de templos como o do Corpiño onde exorcisar a demos. Terra do ergueito Pico Sagro, do lendario monte Ilicino, do Libredón...onde, contan as lendas, se puxo a proba á comitiva que acompañaba o corpo santo do Apóstolo até atopar sepultura en Arca Marmórica. País da Serra da Loba, da Cova da Serpe, das espesas fragas de Catasós en Lalín, as do Irixo... as Lagoas do Ollo en Begonte... de Ribeiras Sacras e profanas....

Investigadores identifican o bosque de Paimpont, corazón da Bretaña, a Armórica celta, co lendario bosque artúrico de Brocéliande. Mitos que se perden na metade do século XII, nos textos do anglo normando Robert Wallace, de Chretien de Troyes, que nel poñen as andanzas do Cabaleiro do León, sobriño de Arturo. Ademais, cóntase que a pequena vila de Pampoint naceu polos saberes dun santo ermitán nomeado rei, Judicaël, fundador dun templo, logo destruído polo furor viquingo, no século XIII base dunha abadía, renovada no XV, ocupada por bieitos e despois por agostiños. A finais do século XIII unha das derradeiras novelas artúricas Claris e Laris transcorre en Brocéliande, paraxes onde estes dous cabaleiros, prisioneiros da irmá de Arturo, Morgama, se enfrontan ao malvado e feiticeiro Dampanas... a fada Madoinis e namorase de Laris e libérao...Merlín, como un deus mediador, pon peace and love.

Bosque de Brocélandie no que abrollan fontes, regueiros ou lagoas, con ermos coroados por penedas, túmulos ou dólmenes que falan de xerarquías alí enterradas, de pedras fitas e de aliñamentos erguidos ao ceo nesa dialéctica caos-cosmos que serven de punto de encontro. E velaí sitios como a Casa de Viviana, a Tumba dos Xigantes, a Roca da Vella, as Tres Rocas de Trébrana, o Xardín dos Monxes, o Xardín das Tumbas, a mesma Tumba de Merlín... inspiradores sitios, xustificados en mitos pola creatividade do maxín, non exentos de fondo valor literario. Pedras nas que se quere ver sombras, a presencia de cabaleiros, de cazadores, de monxes castigados pola maxia... Espesura verde na que asoman patriarcais árbores que deixan filtrar as raiolas do sol para debuxar sombras misteriosas, onde aniñan as catro estacións, entre o canto dos paxaros, o choutar do cervo...onde, de cando en vez, o manto da brétema cobre e alimenta o maxín. Labirinto para esa céltica interacción paisaxe-paisanaxe, entre a vida e a morte, a felicidade e a tristura, o ben e o mal...onde se imaxinan alentadores anxos como tentadores demos para que busca un Cáliz máxico para o brinde de concordia.

Brocéliande, val do río Aff, de augas auríferas, ribeiras nas que se atopou unha cunca da Idade do Ferro, decorada con aves. Territorio de xente humilde, a que alimentou de leña a fogares, a carboeiros, a carpinteiros para a construción de casas e estaleiros, onde ademais abunda o ferro e dende o século XVII as ferrarías. Cicatrices de traballo que denota a topografía. Onde se fai sobranceira a Ponte da Landa e as formacións rochosas de Casse-Cou, baril miradouro sobre o bosque, propicio a maxinar os amores de Lancelot e Xinebra. E o Val sen Retorno, co encoro do Espello das Fadas, territorio de Morgama, onde campa agora a Árbore de Ouro, obra do 1991, pintada de dourado, entre negros troncos de carballo chamuscados, como unha gran cornamenta dun Cernunnus, sobranceira intervención, land art, de Fancoise Davin.

E na espesura deste monte abrolla a Fonte de Barentón, onde se conta que acontece o mito do Cabaleiro do León, Yvaín, o sobriño de Arturo...auga que toma nunha cunca e convértese nunha treboada, para enfrontarse ao Cabaleiro Nero e desposar a Laudine Landuc, a súa muller, a Dama da Fonte... non lonxe está o lugar de Folla Pensee do que se di foi escola de herbaxeiras, de curandeirismo druídico. Recorrido peripatético, ascético, en diálogo cun mesmo e cos mitos.

As tradicións célticas, grecolatinas, mesmo as cristiáns, unhas e outras fortemente influenciadas polo orientalismo, a través do camiño iraniano e anatólico, animan tales fantasías, cheas de simbolismo, as que a mediados do século XIX van inspirar o prerrafaelismo, base do Decadentismo, nacido fronte ao Movemento Industrial, do Modernismo e conseguintemente apuntando á significación da persoa e á identidade dos pobos.

Outro dos puntos obrigados de Brocéliande é a vila de Tréhorenteuc, merece coñecerse aquí pegada do seu senlleiro párroco, Henri Guillard (1901-1979), practicante dun xeito de cristianismo druídico, algo non alleo ao noso Vicente Risco. Párroco que acudía a presos alemáns para decorar con temas artúricos o templo, tal como a demanda do Grial, incluso sobre as aventuras do príncipe galego Pontus e a princesa Sidonia... actividade de posta en valor do lugar que o levou a ser desterrado.

A presencia galega en Brocéliande, a do Rei Ponto e a súa árbore

Entre a frondosidade de mitos, como non podía ser doutro xeito, ensaríllanse as orixes das máis antigas xerarquías célticas, a Historia dos Reis de Bretaña (1136), e sobre todo das novelas de Chretien de Troyes, inspiradas nas pescudas de Wolfram vond´Esechenbach arredor do Grial, o buscado cáliz traído aos confíns célticos por Xosé de Arimaea, como a do Cabaleiro do León e o Conto do Grial, as que dan lugar ao ciclo Artúrico e ao orixe das novelas de cabalerías. Nin falta mención a Galiza para maior gloria da súa raiceira céltica, personificada na xigantesca faia de Pontus, a que a lenda di foi sementada por un príncipe galego salvado dun naufraxio en Morbihan, de nome Pontus, (en relación co que vén do océano, do pelago, como Pelaio/Paio) e que acollido naquelas terras, namorase da princesa Sidonia, filla do rei de Bretaña, conseguida como esposa despois de superar numerosas probas, por medio da maxia, o saber e a valentía. Ponto edificou un castelo e plantou aquela xigantesca faia, a que canta ou chora nostalxias segundo o vento. Indagacións arqueolóxicas no lugar detectan vestixios de época romana. Conto de príncipe nauta que lembra a lenda de Ith e de Breogán. Aquel collido dun texto medieval galo, datado a finais do século XIV, con base en lendas anteriores, Ponthus et la belle Sidonia, atribuído a Geoffroi de La Tour Landry. Novela de xesta lida en ambientes cortesáns, traducida a varios idiomas. Conto recentemente recollido pola galega Alba Cid e Estevo Creus, xunto coa ilustradora Maria Joâo Worm, para levalo a un xeito de epopea bárdica: A faia de Ponto. Le Roi de la Galice (2022).

Contan que o estanque de Comper asolaga o pazo de Viviana, que alí se erguía o castelo de Raoul I de Gaël, que loitou a favor de Guillermo o Conquistador na batalla de Hastings (1066), rei que contaba cos ánimos de Diego Pelaez, o pretensioso arcebispo, iniciador da catedral compostelá, castelo devastado no sec. XIV polo mercenario armoricano Duglesclin, chamado o Dogo negro de Brocéliandie e ben coñecido pola casa de Trastámara.

Trecesson é un fermoso castelo de fantasmas, o da A Dama branca, a noiva enterrada viva, vestida de branco.... Cunqueiro, sabedor de vellos mitos e inventor de novos, quixo facer algo así co Bosque da Silva en Mondoñedo...na Pena Corneira.. sen faltar as tradicións arredor do Grial e Arturo nos Ancares, no Cebreiro, na Limia. Tamén Risco quixo impregnar Galiza desa aura artúrica, céltica medieval, para ennobrecela.

Suscríbete para seguir leyendo