Lírica medieval a golpe de clic

As 1.700 cantigas galaico-portuguesas xa se poden ler nunha web tal e como as escribiron os copistas medievais, nun proxecto da Universidade de Santiago e o Centro Ramón Piñeiro

Público visita o pergamiño Vindel no Museo do Mar de Vigo na súa estadía en Galicia.

Público visita o pergamiño Vindel no Museo do Mar de Vigo na súa estadía en Galicia. / José Lores

Mar Mato

Onde se atopan hoxe en día os pergamiños coas 1.700 cantigas galaico-medievais? Esparexidos polo mundo sen que ningún dos seus acubillos físico estea en Galicia: a Biblioteca da Ayuda, a Biblioteca Nacional de Portugal e o Arquivo Nacional da Torre do Tombo en Lisboa; a Biblioteca Apostólica Vaticana en Roma; a Biblioteca Pública Municipal do Porto e a Pierpont Morgan Library en New York. Porén, dende xa, podemos consultar os cancioneiros e pergamiños que as conteñen sen movernos na casa ao entrarmos na web do proxecto PalMed, Base de datos paleográfico da lírico galego-portuguesa.

Neste espazo, investigadoras do Centro Ramón Piñeiro e da Universidade de Santiago de Compostela (USC) transcribiron as 1.700 cantigas medievais galaicolusas tal cal as deixaron os copistas medievais. Realizaron o proxecto coa colaboración de científicas de Suiza, Portugal e Italia e contaron co apoio da do Ministerio de Ciencia máis o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Ao entrar en PalMed e darlle un clic ao menú atopamos “manuscritos” onde se desplegan o Cancioneiro de Ajuda, o Cancioneiro da Biblioteca Nacional, a Táboa Colocciana, Pergamiño Sharrer, Lais de Bretanha, Tenzón (de Madrid e o de Porto), Pergamiño Vindel e Cancioneiro da Vaticana. Debaixo de cada un, figura en que época foi transcrito, cantas cantigas posúe e de que clase, canto mide, cantos folios de pergamiño son e algúns datos máis.

Ao elixir un deles, aparecerá na pantalla a letra orixinal de cada composición. Aquí, deberán adestrar o ollo e a mente por uns minutos porque, por exemplo, no Cancioneiro de Ajuda non todas as grafías casan coas actuais. Neste, o “d minúsculo” ten un xeito moi semellante á delta grega. A grafía “s” tampouco é igual que a nosa de hoxe.

Fotografías ampliables

Se precisan do acceso a unha imaxe do orixinal, tamén a teñen a través de fotografías ampliables. Ademais, ofrecen outra busca por cantigas (polo título), por texto, abreviaturas ou elentos codicolóxicos.

O persoal galego que traballou nesta iniciativa está conformado por Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín, xunto ao doutor Antonio Fernández Guiadanese e o informático Carlos Sánchez.

Pilar Lorenzo, Pilar, catedrática de Filoloxía Románica e directora da área de Literatura do Centro Ramón Piñeiro destaca que “non hai en toda Europa e América unha ferramenta igual para a poesía lírica”. Detalla que é a “primeira vez que se transcribiron os testemuños manuscritos tal e como fixeron os copistas”.

Resalta tamén que a documentación verquida na web pode permitir ver como evolucionou a lingua dun cancioneiro a outro porque cada un é dunha época.

Ademais, tamén ve positivo que teña acceso ao traballo de diferentes copistas que interviron nos cancioneiros e os comentarios que fixeron usuarios posteriores.

Cando se entra a ver unha das páxinas transcritas, xunto ao orixinal tamén se mostra a transcripción correxida. Isto é de importancia cando ás veces nos orixinais xuntaban palabras, o que o público alleo á escrita medieval pode non entender.

O traballo deste equipo galego da USC comezou hai 15 anos. “Non tiñamos persoal nin orzamento suficiente”, lembra Pilar Lorenzo quen enfatiza que “o que lle deu o empuxón definitivo foi a concesión dun proxecto (e polo tanto de diñeiro  do Ministerio de Educación no 2020”, nunha iniciativa liderada pola propia Lorenzo e Mercedes Brea.

Lorenzo adiantou que este proxecto vai ter outra fase na que van achegar toda a morfoloxía dos cancioneiros. Detallou que a lingua variou ao longo dos séculos esas variacións lingüísticas non se perceben nas edicións. “Hai resultados que coinciden coa lingua actual e outros desapareceron”, engade. Un exemplo sería analizar como o diptongo oi (da palabra moito) chegou un momento que tivo tamén a forma ui (muito).

Lorenzo confía que en calquera momento se descubra un pergamiño con cantigas medievais en Galicia que quede nos nosos museos. Para ela, non hai que perder a esperanza.

Resaltou que se Colocci non mandara copiar un cancioneiro no século XVI en Roma “o 75% da lírica galegoportuguesa tería desaparecido”.

Suscríbete para seguir leyendo