Recuperar a toponimia en colectivo

A campaña ‘Toponimízate’, promovida pola RAG, procura colaboradores en toda Galicia para participar na recollida de nomes de montes, leiras, fontes, camiños e outros lugares

Valentín García, Víctor Freixanes e Vicente Feijoo, onte, na presentación da campaña.   | // CARLOS PARDELLAS

Valentín García, Víctor Freixanes e Vicente Feijoo, onte, na presentación da campaña. | // CARLOS PARDELLAS

A campaña de divulgación da toponimia galega Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra volverá percorrer neste 2024 as catro provincias galegas, na procura de persoas e entidades que se sumen aos milleiros de colaboradores que están a participar na recolla de nomes de montes, leiras, fontes, camiños, regos, devesas e outros microtopónimos a través da plataforma Galicia Nomeada e da súa aplicación para dispositivos móbiles. Valéndose da tecnoloxía e mais da participación cidadá interxeracional, na que os informantes de máis idade son o elo fundamental, esta iniciativa pretende salvagardar un patrimonio inmaterial que durante séculos funcionou como localizador xeográfico, e que fai de Galicia un lugar único no mundo pola súa abundancia.

A campaña, coordinada e desenvolvida pola Real Academia Galega e financiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, versará sobre a orixe e o significado de máis de 1300 topónimos pertencentes aos doce concellos nos que se fará parada este ano. Entre os meses de xuño e novembro, Toponimízate visitará Camariñas, Tordoia e Boiro na provincia da Coruña; Abadín, Antas de Ulla e Láncara en Lugo; Cualedro, Vilar de Santos e A Arnoia en Ourense; e Salceda de Caselas, Barro e A Illa de Arousa en Pontevedra. Todas as sesións serán impartidas polo coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e de Galicia Nomeada, o filólogo Vicente Feijoo, contando coa colaboración na parte etimolóxica do académico de número Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo. Os doce municipios elixidos teñen en común seren territorios nos que apenas se actuou cando estaba activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011), polo que practicamente toda a súa microtoponimia segue pendente de recoller; e contaren ata o momento con moi poucos colaboradores dados de alta na plataforma Galicia Nomeada, xestionada polo Seminario de Onomástica da RAG.

Dende que a finais de 2019 a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia presentaron Galicia Nomeada, a plataforma conta con máis de 3500 contas de usuarios, particulares, institucións, asociacións ou centros de ensino de todo o país que achegaron de forma desinteresada máis de 76 000 nomes de leiras, montes, penedos e outros lugares. Moitos deles, acompañados de audios coa súa pronuncia, vídeos, fotos e outra información adicional. Toda esta documentación, referida ata o momento a 306 dos 313 concellos de todo o país, é revisada polo equipo de técnicos especialistas en toponimia do Seminario, que corrixen e contrastan, oral e documentalmente, cada topónimo antes de validalo.

A campaña Toponimízate 2024 presentouse esta mañá da Fundación Luis Seoane, da man do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; e mais o encargado das charlas, o filólogo Vicente Feijoo. “Os nomes somos nós”, salientou o presidente da RAG citando un dos poemas da escritora á que a institución lle dedica este ano as Letras Galegas. “Vimos de celebrar a figura de Luísa Villalta, unha autora que destacou a importancia que ten a toponimia nas nosas vidas. Esta campaña procura implicar toda a sociedade: veciños e veciñas, asociacións, centros de ensino, comunidades de montes... para entre todos recuperarmos un patrimonio que nos fai singulares e evitar que esmoreza. Salvagardar a nosa toponimia é recuperar toda a historia da nosa terra que se agocha detrás de cada un dos seus nomes”, salientou.

Pola súa banda, o secretario xeral da Lingua enxalzou a toponimia como “unha das grandes riquezas” do idioma galego e referiuse ao importante labor desenvolvido para a súa protección a través de Galicia Nomeada. Valentín García cualificou esta iniciativa impulsada pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia como “moi innovadora” e lembrou que “valeu de modelo para outras comunidades autónomas” que se interesaron por ela. Ademais, erixiu este proxecto como un “referente” na colaboración entre as institucións públicas e a cidadanía na preservación do patrimonio cultural inmaterial. Dende a primeira edición de Toponimízate en 2017, máis de 5000 persoas participaron nas charlas impartidas por todo o país, apuntou o filólogo da RAG encargado de impartilas.