‘O soño da sultana’ logra o gran premio no festival de Annecy

Trátase do mellor certame de cine de animación do mundo

Mar Mato

“Levo 20 anos indo ao Festival International du Film d’Animation d’Annecy —o máis importante do mundo en cinema de animación— vendo gañar a outros. É moi díficil ser seleccionada, só iso xa supón un premio; chegan máis de 7.000 películas cada ano”, destaca a produtora galega Chelo Loureiro que esta fin de semana ao fin o logrou. O filme O soño da sultana, producido pola súa firma e dirixido por Isabel Herguera, logrou o Gran Prix Contrechamp, o gran premio.

“Cando presentamos Unicorn wars , de Alberto Vázquez, a prensa francesa e os críticos franceses dicían que era a película do ano pero volvimos para Galicia de baleiro;nin unha mención”, lembra Loureiro.

Quizais por ese antecedente, nesta edición acudían sen expectativas con O soño da sultana, que na pasada edición do Festival de San Sebastián se convertiu na primeira película de animación europea que competía na sección oficial.

O galardón en Annecy, Francia, é especial xa que o equipo tardou dez anos en rematar unha película que, por momentos, pensaron que non ían dar finalizado por falta de apoios.

“Estou moi feliz”, confesaba Loureiro onte polo teléfono. “Nin nos meus soños o imaxinei. Son moi pragmática e sei o complicado que é chegar alí. Ademais, a semana pasada a película obtivo o gran premio no Animafest en Zagreb”.

Os proxectos de Chelo Loureiro proseguen. Atópase xa en fase de produción a seguinte película de Alberto Vázquez, Decorado e tamén está comezando coa coprodución de Mukira, esta última pensada para público infantil.

A Cannes, o vindeiro ano

Trátase da opera prima dunha cineasta de Colombia que vén de ser seleccionada para o mercado de animación do Festival de Cannes. Só cinco películas foron elixidas nesa sección.

Mukira presenta unha historia nunha aldea en Colombia con poboación afrocolombiana que está en guerra con outras aldeas veciñas. “Vai sobre a paz, sobre que non paga a pena estar en conflito, todos somos iguais. Mukira é un monstro que supostamente fai desaparecer a xente na guerra”, remata a produtora galega.