As cantareiras e a poesía popular oral protagonizan o Día das Letras Galegas 2025

A candidatura feminina inclúe os nomes de Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira e as Pandeireteiras de Mens 

As Pandereteiras de Mens.

As Pandereteiras de Mens. / Agrupación Aturuxo /Museo do Pobo Galego

O cancioneiro popular galego será o protagonista do Día das Letras Galegas 2025. A Real Academia Galega (RAG) decidiu onte, nun pleno celebrado en María Pita, que a candidatura impulsada por Ana Boullón será a homenaxeada o próximo 17 de maio. A proposta tamén ten nomes propios: as cantareiras Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda: a pandeireteira Eva Castiñeira, de Muxía; e as Pandeireteiras de Mens (Malpica), que son Prudencia Garrido, Asunción Garrido e Manuela Lema.

Esta candidatura, manifestou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, “representa a voz da muller na tradición popular”. “As mulleres son o gran corazón do noso país”, comentou xusto ao rematar o pleno. Freixanes avanzou que o 2025 será “un ano moi fermoso” porque será o momento de “homenaxear a todas as mulleres que nos ensinaron a cantar” e “souberon transmitir a súa tradición e a súa memoria”.

O presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, anuncia que o Cancioneiro Galego será protagonista do Día das Letras de 2025.

O presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, anuncia que o Cancioneiro Galego será protagonista do Día das Letras de 2025. / LOC

É unha proposta exclusivamente feminina que recibiu o apoio de numerosos académicos, deixando no camiño ás candidaturas de Antón Tovar e Enrique Labarta. “É un recoñecemento a esa tradición oral que leva séculos transmitíndose de maneira silenciosa socialmente, fóra dos círculos académicos ata este momento”, sinalou a súa principal impulsora, Ana Boullón, quen insistiu en que “a literatura popular también é literatura culta”. Persoas como Adolfina Casás ou Eva Castiñeira saíran “do anonimato” para “reivindicar o papel da muller”. Para Boullón, estas pandeireteiras e cantareiras son unha ponte “entre a tradición popular e as novas xeracións”. Citou a artistas e bandas actuais como Milladoiro, Leilía, Xabier Díaz, Mondra ou Caamaño&Ameixeiras para recordar que “están fusionando temas populares cos novos ritmos” e avisan de que “a música galega ten futuro adaptado aos novos tempos”.

En poñer o foco sobre esta historia tiveron un papel relevante a musicóloga suíza Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico fonsagradino Antón Santamarina, autores da recolleita e edición nos anos 80 do século pasado da biblia do folclore de Galicia, o Cancioneiro popular galego.

O presidente da RAG tamén quixo recordar que, por agora, “segue sendo o ano Luísa Villalta”, e queda aínda por celebrarse un simposio con distintas voces especialistas.

Rosa e Adolfina Casás Rama

Schubarth chegou á Vila da Igrexa, en Cerceda, en marzo de 1980 para gravar e documentar o canto de Adolfina (1913-2005) e Rosa Casás Rama (1912-2009), tía e sobriña e fillas de nais solteiras. Foron coñecidas na contorna pola súa arte como cantareiras e tocadoras, eran convidadas decote aos traballos comunais e a súa presenza constituía unha atracción destacada nas foliadas da zona de Cerceda.

Rosa e Adolfina Casás Rama

Rosa e Adolfina Casás Rama / Dorothé Schubarth-APOI-MPG

A chegada da radio, nos anos 50, e dos grupos de gaiteiros, os acordeonistas da Coruña ou as orquestras promoveron a popularización doutros estilos musicais e mudaron os costumes. As cantareiras ficaron daquela silenciadas durante un longo tempo. Rosa emigrou a Inglaterra nos 60 e Adolfina quedou na Vila da Igrexa, ata que nos anos 80 volveron xuntarse e recobraron o seu xeito de tocar, arredor das celebracións familiares. A súa historia aparece recollida no libro Fuliada na vila, escrito polo seu neto e sobriño neto Richi Casás.

Eva Castiñeira

Eva Castiñeira (1926-2010), veciña do lugar de Agranzón, en Muxía, xa cantaba cando só tiña oito anos. Emigrou á Coruña para traballar no servizo doméstico e asentouse no barrio de San Pedro de Visma. A principios da década dos 80 traballaba como asistenta na casa dun dos socios da discográfica Ruada, que se decatou do seu talento musical e faloulle dela a Rodrigo Romaní. Pouco despois, en 1981 e convidada por Milladoiro, Eva convertíase, canda a súa sobriña, na primeira pandeireteira en subir a un escenario cun grupo folk, nun concerto celebrado no pavillón de deportes da Coruña.

Eva Castiñeira

Eva Castiñeira / Pablo Quintana

Tres anos despois, a voz de Eva Castiñeira quedou rexistrada, canda as interpretacións de Florencio López Fernández, o cego dos Vilares, no álbum Recolleita, coordinado por Pablo Quintana. As melodías da cantareira tamén se integraron no álbum Galicia no país das maravillas (1986), gravado no estudio dublinés Windmill Lane

Pandereiteiras de Mens

As Pandeireteiras de Mens foron cinco labregas da parroquia malpicá que lles deu nome: Prudencia Garrido Ameijende (1905-1993) e a súa irmá Asunción Garrido Ameijende (1915-2007), do lugar de Asalo; e Manuela Lema Villar (1913-1993), Adela Rey Torrado (1920-2016) e Teresa Lema Varela (1924-2019), do lugar de Mens. Adela e Teresa faleceron hai menos de dez anos, polo que non poden ser formalmente homenaxeadas o 17 de maio.

Pandeireteiras de Mens-

Pandeireteiras de Mens- / AF Aturuxo-APOI-MPG

As Pandeireteiras de Mens viaxaron por Europa e América coa súa música acompañando, a partir de 1972, á Agrupación Folclórica Aturuxo. A historia das tamén chamadas Vellas de Mens foi rescatada nunha obra de Beatriz Busto Miramontes. A musicóloga e antropóloga social refírese a elas como a cabeza visible a audible do rexurdimento moderno da música bailable de tradición oral en Galicia. Elas fixeron patente que, ademais dos gaiteiros, cumpría ter en conta as mulleres e o patrimonio oral que representaban e que en 2025 serán protagonistas do Día das Letras Galegas.