Opinión | tribuna

O laboratorio de formas e o museo galego de arte contemporáneo Carlos Maside

O estado da cuestión dun museo pon a proba a madurez cultural dun pobo. E non hai peor desgraza cultural que enxergar museos pechados... e o peor, abandonados. Ao respecto unha das preocupacións diste noso tempo de liturxización da cultura é a tristeira actualidade do Museo Galego de Arte Contemporáneo Carlos Maside (Sada) e pese a súa incoación como BIC.

O laboratorio de formas e o museo galego de arte contemporáneo Carlos Maside

O laboratorio de formas e o museo galego de arte contemporáneo Carlos Maside / Felipe- Senén

Unha das xanelas de luz abertas na “Longa noite de pedra” foi a creación do Laboratorio de Formas de Galicia, ideado a partires do Seminario de Estudos Galegos, institución espoliada na guerra. Ilusión aquela nacida entre intelectuais da emigración galega a Bos Aires e posta en marcha por ese tándem de creatividade e ansia que foron Luis Seoane (Bos Aires 1910-A Coruña 1979) e Isaac Díaz Pardo (Compostela 1920-A Coruña 2012). Conxunción harmónica de teoría e praxe para asentar unha imaxe de Galiza afastada da aculturación: a tendencia fácil ao esperpento ou ao feísmo. Proxecto fundamentado na trindade de tradición, innovación e industria. Idea nacida para fortalecer esas orixes nas que radica a orixinalidade e velaí o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside. Comezouse pois a cavilar nun continente e nun contido que estaría conformado pola obra de creadores galegos da vangarda histórica, moitos deles exiliados, cando non asasinados nas cunetas, negados ou silenciados pola ditadura... obras de arte que os creadores do museo tiñan en propiedade. Sumando dacións ou depósitos de amigos que colaboraban coa iniciativa. Trazábase así unha ponte de reconciliación que vencellara pasado, presente e futuro. Todo enxertado nun sentir artístico “con espírito de terra”. Posta en marcha de Industrias normalizadoras de Galiza que se complementarían cun Instituto Galego da Información, en Compostela, derradeiro reduto numantino de Isaac.

Díaz Pardo no primeiro Caderno do Laboratorio de Formas (Edic. do Castro, Sada 1970) sentenciaba: “As formas han de ter patria como as linguas; ao fin e ó cabo elas son unha linguaxe e xa sabemos o que pasou cos esperantos”.

Seoane e Díaz Pardo dérono todo e aínda máis, sen dicir a quen, axudando a exiliados, a intelectuais implicados en iniciativas de galeguidade, de liberdade, dando obra súa, medios, sitio e máis para aquel museo... Ben sabían que o mellor motor é a creatividade, a ansia, que as subvencións supoñen adición, entón dependencia. Nada piden, nada deben: son ceibes.

Certo que neste mítico e real país do río Leteo seguimos a ser propensos ao esquecemento. Díaz Pardo timaba niso, cualificando a aquelas empresas nacidas da súa creatividade e tesón como “as Industrias da Memoria”, O Castro, Sargadelos... e dende aquel seu cismar de deixar memoria creouse a Editorial do Catro, da que saíron os Cadernos do Laboratorio de Formas, os do Seminario e tantas cousas, resucitaba a vella ansia do Seminario de Estudos Galegos.

Asexa a desmemoria, sen faltar quen a esconxure abrindo xanelas de luz, pois velaí, agora, un libro necesario da editorial asturiana Trea, especializada na ciencia da museoloxía, con canto ela implica de profesionalidade no referente a continentes, contidos, acopio, documentación, exposición, e xestión dos museos... pois non a todo se lle pode chamar museo, para tal control existe a Lei 7/2021/ 17/2/ de museos de Galicia, o título do referido libro é El Museo Gallego de Arte Contemporáneos Carlos Maside do que é autora a doutora, museóloga e especialista na arte do exilio, profesora da Complutense, Inmaculada Real López; autora tamén de El Laboratorio de Formas y las políticas de la memoria (Editorial Académica Española, 2018). Estudos que poñen en valor a Díaz Pardo como un dos pioneiro na nova teoría e á praxe do museo. Rompedora visión e actividade de Isaac, sobranceira entre a grisalla do panorama museístico do franquismo, persoeiro que tamén, ao final da súa vida, entre ideas que lle sobraban, foi nomeado presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, outras desas institucións prioritarias para informar e formar sobre a dignidade dun pobo. O obxecto era asentar bases históricas, corrixir defectos, asumir erros, esas misións imperiais que mesmo fixeron do Apóstolo un cabaleiro de capa e espada... e sobre tales alicerces reconstruír a Historia da Arte Galega Contemporánea.

A experiencia vangardista de Díaz Pardo, tamén pioneira na nova museoloxía

Nacida no 1963 a idea do Laboratorio de Formas de Galicia trasládase de Bos Aires a Galiza para constituirse oficialmente a sociedade mercantil na Coruña, a 26 de abril do 1968, o obxectivo: “o análise histórico de formas de todo tipo, enxertadas no feito diferencial de Galicia, a divulgación do investigado e a creación de modelos e sistemas de orientación”. Isto é, o singular aporte á universalidade, teima da xeración Nós. Na base estaban as experiencias históricas referidas ao deseño de J.Ruskin, de Willian Morris, de T. Maldonado, I. Sutherland, T. Johnson, e os centros Bauhaus (Alemaña 1919-1933 ), Vjutemás (URSS 1920-1930)...

Laboratorio de Formas de Galicia concibido como viveiro de ideas, contando inicialmente con intelectuais de forte incidencia no exilio bonaerense, como Xosé Nuñez Búa, Eduardo Blanco Amor, Lorenzo Varela, Dieste, Antonio Baltar, Arturo Cuadrado... incorporándose en Galiza personalidades como Otero Pedrayo, Fernández-Albalat, Chamoso Lamas, Sebastián Risco, Álvaro Gil, Parga Pondal... Ademais da necesidade do museo pretendíase refacer aspectos desmantelados na guerra civil, como a recuperación do Laboratorio Xeolóxico de Laxe, creación de Parga Pondal ou do Seminario de Estudos Galegos...

Para conformar o museo pártese das cesións do propio Díaz Pardo, agás obra da súa autoría, sumando os aportes desinteresados dos mesmos membros do Laboratorio. Será este un museo centrado na arte contemporánea: dos renovadores á contemporaneidade. O nome de Carlos Maside está xustificado polo esforzo teórico e a praxe deste creador compostelán, fundamentado en Castelao. Así é que o 9 de febreiro de 1970 créase este novo centro de titularidade privada no Castro de Samoedo, predios dos Arias de Castro, sogro de Díaz Pardo. De xeito provisorio ocúpanse espazos da vella casa, a un tempo que entre o arquitecto Fernández-Albalat e o mesmo Díaz Pardo idean un edificio sígnico, modular pensado para medrar, no interior como un gran plató: recepción, auditorio, exposición, almacéns... arquitectura que permite tanto artellarse como ampliacións futuras. Dende 1982 este será o edificio definitivo. Activo lugar de encontro e creación con difusión internacional.

O programa museográfico sigue unha secuencia cronolóxica: dos renovadores ao presente: mostrando importante documentación de Castelao (declarada BIC Decreto 249/2011/23/12/), mesmo as máscaras para a representación teatral de Os Vellos non deben de namorarse, as que o actor Tacholas, exiliado na Arxentina, quixo que foran parar a mans de Isaac.

Nesa secuencia non falta obra de Maruja Mallo, de Lloréns, de Asorey, Arturo Souto, José Frau, Corredoira, Eiroa, Federico Ribas, Suárez Couto, Bonome, Xulia Minguillón, dos imáns Granell, de Urbano Lugrís, etc., artistas completados cos renovadores, como Laxeiro, Colmeiro ou Luís Seoane sen faltar as transvangardas, como o grupo Atlántica, nin a banda deseñada...

Tanto saber, tantas ilusións, tanta entrega en favor da memoria, do encontro, da palabra, da arte, para que a brétema da desmemoria volva a campar sobre un museo, décadas pechado.