Opinión

A casa de Novoneyra no Courel, “feita fai cen anos... á miña maneira”

A casa, a mais de estrutura, de refuxio entre a natureza, é historia, pasado, presente e incerteza de futuro. Elas foron ilusións, herdos, mesmo chegando a ser pardiñeiros sobre os que medra a edra, o loureiro, o biouteiro, quizais coñecidas co nome da súa matriarca...

Casa, célula que conforma a singular e ancestral organización social labrega galega: cos da casa, a familia e que caracteriza un lugar, unha aldea e varias a parroquia. Estruturas que se perden nas xentilidades que habitaban os castros, coas súas xerarquías, logo romanizadas e coa xermanización sueva orixe da parroquia. Casa labrega que é acubillo, couto defensivo a redor da lareira, espazo sacro para as divindades, “lares”, para a palabra. Resposta aos problemas que xorden do medio, inicialmente en simbiose coa paisaxe, aproveitando pedras e madeiras... O tema dá para moito, hoxe sometida ás revolucións industriais...e imos pola cuarta, a da Intelixencia Artificial, a da comercialización, cando os valores de uso se fan de consumo. Máis aínda detrás de nós seguimos a ter unha casa, unha aldea, unha parroquia.

Dende tal preámbulo e para quen queira furar no máis enxebre humanismo —e ollo, “humanismo” ten que ver con humus que é terra e co ser humano— aconséllolle que faga unha xeira polo Courel, serra limitada por Valdeorras, polo Cebreiro, polo val de Quiroga e do Incio... nacedouro de ríos que nutren ao Sil, de bosques onde non faltan lendas e mesmo aquece atoparse con Merlín ou con fadas artúricas.

De poñerlle corazón ao Courel, sería nese santuario de palabra e xenerosidade que é a Casa da Fonte ou Casa do Crego de Parada de Moreda, isto é a casa da que sae Uxío Novoneyra, que dis construída polo bisavó. Noutrora habitada e emparentada con fidalgos do veciño Pacios, por cregos, liberais, republicanos... pegadas arqueolóxicas que quedan nas súas estruturas e máis no mobiliario, nos obxectos: “A Casa de pedra e cal vella/ Solaina e ventanas pra serra/Feita fai cen anos a miña maneira”.

Casa de Parada con xanelas abertas ao Souto e ao cantar da fonte, ao Pinza, monte sobre o Ollo do río... ao lonxe e polo setentrión a Tara Branca e o bico do Castro de Mercurín, pola alborada o grandioso Castro Cido (Locoubus, Lougeirum) do que o futuro terá moito que contar do seu pasado romano. Casa aberta ao Real, o antigo camiño protexido por ancestrais patriarcas que son os castiñeiros, abertos en caracochas... Velaí algo da materia prima que nimba ao poeta Novoneyra, novo céltico bardo. Así que para entender a Novoneyra hai que coñecer o Courel, como para entender ao Courel hai que enxergar ao seu poeta.

Unha casa, farta e xenerosa, aberta á paisaxe e á paisanaxe

Agora casa, a dos Novoneyra Rey, enxertada na paisaxe courelá, dogma, polos seus valores etnográficos, históricos e mais aínda, literarios. Con feitura de gran cubo, cuberto de lousa, achantado, emproando ao Souto. Denantes de entrar, campa o célebre banco, no que mesmo ollamos a Uxío, símbolo de acougo, acollida e poesía... dando paso ao curral de chan laxado, metade pendello para acoller as ferramentas, os arados, os carros... repartindo ás cortes, ás adegas, aos espazos para a carpintería, á fraga, á palleira, á paneira, aos cuartos para os xornaleiros. Parte baixa da casa aberta nos seus estremeiros por un gran corredor que a atravesa de Norte-Sur, no chan coas rodeiras dos carros. Corredor que a unha e outra súa banda dá paso a cortes, adegas e cuartos. Servindo agora de espazo de acollida á visita, para ofrecer libros e lembranzas, a taberna, os servizos, a exposición de artistas, entre eles Pamén Pereira... E sobre del o sobrado, parte alta da casa que é a vivenda, a que tamén se reparte a unha e outra banda, a modo de axis mundi, dun gran corredor, como nave central dun templo de madeira, neste caso coa orientación Este-Oeste. No extremo da alborada está a entrada, ben protexida por portalóns con trancas embutidas na parede: en inicio un pequeno espazo de acollida, tipo hall, que tamén dá acceso ao faiado, á banda dereita unha porta abre a lareira de chan de lousa, co burro e gramalleira da que pendura o gran pote de xantar do gando e noutrora os afumados das matanzas... Na banda esquerda o aceso á cociña, sacro espazo das conversas, arredor do quecer da cociña bilbaína... Segue unha nova porta, central, a segunda que abre á máis ampla parte do corredor, a que dá paso aos cuartos de durmir, coas vellas camas e armarios, lección de carpintaría popular, ás áreas de traballo de Novoneyra, o acceso á solaina que mira á horta, ao monte Pinza e ao souto, espazos recollidos en tantas fotos cos da casa, cos amigos, con María Mariño, con Manuel María e Saleta, con Carlos Oroza, con Federico Cabezón e Carme... E no final, aberto ao solpor, á maceira, á inmensidade courelá, o balcón e a súa dereita o reloxo de parede, dando, impasible, as badaladas das horas, ao seu carón dúas randeeiras, regalo da tía Ana Gloria Rey. Por unha banda e outra arcas, cadeiras e arneses de montar, a do deputado isabelino Ulises Neyra Carballo. E sobre todo libros e cadros, retratos de Laxeiro, pinturas de Tino Grandío, Blas Lourés, Lugrís, Raimundo Patiño, Quessada, Lamazares...textos enmarcados de Alberti, de Carlos Oroza, fotos de Federico Cabezón...poético universo de Elba e de Uxío: “Ando limpando a casa de cacharros e trastos,/lacenas e faios, sen deixar rechumbazo/Ando a tocrlle as maos aos antepasados”.

Baixo o balcón do solpor, á sombra da mazaira, está a campa de Novoneyra, unha gran lousa gris, levitando sobre unha roseira, con letras e orla de bronce, esta con follas, castañas e ourizos, recollidos por Elba e fundidas por Óscar Aldonza, intervención poética, deseño de Elba combinado co saber do arquitecto compostelán e amigo Cheche Allegue. E o epitafio: “Uxío Novoneyra/Poeta/1930-1999/DIN os soños i os paxaros/A morte non é certo”. Traslado dos restos de Novoneira feito o 14 de febreiro do 2022 dende o cemiterio de Lugo ao Courel, inhumado coa cabeza cara ao Pinza e ao Souto.

Nesta Casa da Fonte de Parada naceu Uxío Novoneyra un 19 de xaneiro do 1930, locus amoenus, universidade da vida dende a nenez á morte, entre anos de guerra, de fuxidos e silencio, do 1945 ao 1948 con idas e voltas a Lugo por mor do bacharelato, onde se atopa con Manuel María. No 1947 vai vivir a Parada, por depresión e prescrición médica, a noiesa María Mariño (1907-1967), casada co mestre Roberto Pose Carballido. E, coma sempre a Casa dos Novoneyra abre as portas a compartir inquedanzas poéticas até a morte desta por leucemia.

Uxío, no 1949 vaise a Madrid, onde se matricula en Filosofía e Letras, participa en actos, escribe en revistas universitarias como Bengala, recoñecido rapsoda ou bardo. No 1952 ten que retornar a Galiza para o servizo militar en Compostela, Coruña e Lugo, reencontrándose con Manuel María e co galeguismo, con Maside, Piñeiro, Bouza Brey, Otero, Risco...E sempre, con ida e volta ao Courel, onde se recolle por mor dunha pleuresía. Así nace o ciclo de Os Eidos (Galaxia 1955). A panteísta relación paisaxe paisanaxe é unha constante. Novoneyra é reclamado para actos de reivindicación galega. Do 1962 ao 66 retorna a Madrid, coa súa singular voz traballa na radio e na TV, esencial nos parladoiros do Gijón, como recolle Umbral no libro La Noche que llegue al café Gijón, anos de amizade con Oroza, con Grandío, cos do grupo Brais Pinto. Momentos nos que escribe a serie Elegías. No 1966 o vinculeiro retorna ao Courel por mor de enfermidade dos seus proxenitores: o seu pai morre no 1971 e a súa nai dous anos despois. No 1968 tiña coñecido en Lugo a Elba Rey coa que casará en 5 de xaneiro do 1973, matrimonio do que nacen Branca- Petra, Uxío e Arturo, a esperanza da casa. No 1983 pasan a vivir en Compostela, sen deixar Courel. Escribe entón os Eidos 2 (Galaxia, 1974) e os Poemas caligráficos (Brais Pinto 1979). Querido, admirado, seguido, reeditado, recitado... elixido presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Finalmente escribe Muller pra lonxe (Dept. Lugo 1986), mesmo libros de aventuras infantís que transcorren no Courel: O cubil do Xabarín (Edelvives 1991), Gorgorín e Cabezón (Edelvives 1992), Poemas da doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras (Espiral Maior, 1994).

De sempre sufridor dos pulmóns, na mañanciña do 30 de outubro do 1999 Novoneyra pasa as cancelas do Trasmundo no hospital Gil Casares de Compostela, vélase en Bonaval, para ser enterrado no cemiterio de San Froilán Lugo. Aura que sigue a escintilar dende o Courel.