Opinión | Retallos no labirinto

Historiador da cultura galega

As orixes da Academia Galega de Belas Artes no seu 175 aniversario

Abondan os estudos sobre esta decana corporación académica, a terceira máis antiga de Galicia, as que tiñan como base de orixe a cidade ilustrada da Coruña: de 1765 data a Real Academia de Agricultura de Galicia; de 1830 é a Real Academia de Medicina y Cirugía de Galicia y Asturias... mentres que a entón Academia Provincial de Belas Artes da Coruña foi creada no reinado de Isabel II por Real Decreto de 31 de Outubro 1849. Velaí ao respecto os traballos de Manuel Chamoso Lamas “La R. Academia de B. Artes de N. S del Rosario de la Coruña” (“Revista” do I, Cornide. 1984); o de Antonio Meijide Pardo “La Academia y Escuela de Bellas Artes de la Coruña (1850-1875)” (1989), como o de Angel Padín Panizo “ La Real Academia Gallega de Bellas Artes (1850-2000)” (2009), informando sobre a súa actividade, como do patrocinio e titoría da Escola de Belas Artes como do Museo Provincial de Belas Artes e mesmo do Arqueolóxico, entre outras.

Naqueles anos románticos era a Coruña a cidade na que sopran os ventos da revolución francesa e da Ilustración, pero tamén da barbarie da francesada, a que tanto repercute no espolio do patrimonio cultural, urbe liberal, activa, referente de Galicia, núcleo, político, militar, cultural que vive intensamente as tensións absolutistas e máis as librais. Son anos de fondas transformacións: así no 1833 cando a rexencia de María Cristina, a proposta do secretario de Estado de Fomento, Javier de Burgos dun estado descentralizado, acométese a reordenación administrativa, reducindo as sete provincias do Antigo Reino de Galicia a 4, sumando logo os efectos da Lei de Desamortización proposta no 1836 polo Ministro Mendizabal e que causou tanta devastación en monumentos da igrexa, espolio de arquivos, de obxectos litúrxicos, retablos e imaxinería... Tendo en conta ademais o acontecido na minoría de Idade da Raíña Isabel II, o levantamento do 1846, especialmente no entorno de Compostela e a Coruña, revoltas motivadas polas determinacións do xeneral Narvaez, presidente do Goberno, fronte aos que reclamaban dereitos, liberdade e dignidade para unha Galicia considerada colonia da Corte e cun triste final: os mártires de Carral, feito que quedou prendido na memoria e no renacer do rexionalismo.

Búscase o poñer freo a tan alarmante panorama co patrimonio cultural, e farase a imitación dos franceses, coa creación das Comisións de Monumentos (R. Orde de 27 /IiI de 1837) , así como polo devandito Decreto de 31-X -1849 de ampliar ás provincias máis incidentes do Reino trece Academias de Belas Artes, corporacións que actuarían como delegadas da Real Academia de S. Fernando, cun papel relevante no fomento das artes, na creación de museos, na dirección e control nas Comisións de Monumentos, o que creou algún que outro problema. Seguen entón longos anos de historia de vida de esta corporación, Incentivando e tendo baixo a súa titoría a creación de escolas de belas artes, a profesionalización, tomando nota da situación do patrimonio, o seu estudo, a catalogación, mesmo propiciando o coleccionismo.

Era aquela Coruña de alma ilustrada e liberal, delegada do goberno, base militar, cidade en auxe motivado polas relacións comerciais con ultramar: fábricas de tabaco, de vidro, de vituallas para as embarcacións, cacao, chocolate... onde a masonería tramou un importante papel. Momentos das conseguintes reformulacións urbanísticas, protagonizados por adiñeirados comerciantes, filántropos, como no que respecta á creación e dotación de centros de formación, entre eles dar cumprimento á misión da Academia para a Escola de Belas Artes. E velaí a figura de Eusebio Da Guarda González ( Coruña 1824-1897) descendente dunha familia portuguesa, de Bragança. Tanto así que no claustro das flamantes escolas por el fundadas e a iniciativa da Academia Provincial de Belas Artes e da Comisión de Monumentos, expoñíanse restos de monumentos en abandono, os que mesmo servían de modelo “do natural” para as clases do alumnado, entre eles do neno Pablo Ruiz Picasso que abre os ollos á vida e se forma nas disciplinas de arte, fillo do malagueño José Ruiz seleccionado como profesor para tan singular escola ( 1891 a 1895,). Ambiente que favorece a concorrencia á cidade de creadores, arquitectos, de profesorado... así como para canto implicaban as artes escénicas tan solicitadas nos teatros, Circulo de Artesáns, casino, Peña taurina..., dende a música ao cine, pasando por unha importante actividade na fotografía... Prestixio para aquela nacente Academia, a que, por Real Decreto de 12 de xullo de 1916 distinguirase co título de “Real”. Institución que fomenta comisións, padroados, para a xestión dos museos, das escolas, atopando unha aliada imprescindible na Deputación Provincial. Nos anos sombríos da guerra e da posguerra son relevantes na silenciosa misión académica grandes figuras da Historia da Arte, o arquitecto González del Villar, Angel del Castillo, a forte incidencia do pintor Álvarez de Sotomayor, de Chamoso Lamas, de Martinez Barbeito ou de Bugallal Marchesi , o que mesmo mantivo amizade e correspondencia con Picasso...

Entón, no 1947 ,en parangón con outras Reais Academias que levan o nome do santoral a coruñesa porase baixo a advocación de Nosa Señor del Rosario.

Unha Academia inseparable da creación e potenciación dun museo

A misión da Academia, en orixe, foi inseparable da creación da Escola de Belas Artes e dun museo provincial, enfrontándose a un eterno problema, o de reclamar e desfrutar dun espazo propio, asunto ao que sempre deu prioridade. Conformándose a Academia cun pequeno espazo para as reunións e que inicialmente eran no edificio de San Xurxo, logo e deica agora na Casa do Consulado. Camiño histórico ao que hai que sumar a inevitable emancipación das institucións que ela mesma non so creou e coas que confunde a súa actividade , senón que foi tutelando, tal como a referida Escola de Belas Artes, o Museo de Belas Artes, Museo Arqueolóxico, a Asociación de Artistas, etc...

A creación das autonomías no 1981 supón unha nova lexislación do Patrimonio Cultural, Ley 16/1985, de 25 de xuño, del Patrimonio Histórico Español, e ao albeiro destas as diferentes autonómicas, entre elas a Lei 5/2016, de .5 do Patrimonio cultural de Galicia. Leis que consideran á Academia Galega como órgano consultivo das administracións, ( artigo 3.2 da Lei 16/1985 de 25 de xuño de Patrimonio Histórico Español/ artigo 7.3 da Lei 5/ 2016 do 4 de maio). Entón con representación en Comisións da Xunta de Galicia, xurados de Deputacións, Concellos, peritaxes xudiciais, solicitude doutras reais academias, etc. Dende entón, mudase o nome de Real Academia provincial da Coruña, pasando a denominarse Real Academia Galega de Belas Artes (24-III-1984)

Ao final da vida do historiador da Arte Manuel Chamoso Lamas ( Habana 1909-Coruña 1985) - presidente da Real Academia Galega de Belas Artes ( 30 –X- 1961 ao 24 IV- 1985 ) anos que supoñen a transición democrática, os do novo estado das autonomías con canto implican de transferencias como de darlle novo senso a corporacións históricas como son as academias, estas reclaman a súa finalidade de ser órgano consultivo das administracións. Entón a corporación vai actualizando o regulamento á nova situación administrativa, pasando de depender do Ministerio de Educación e Cultura ao correspondente da Xunta de Galicia.

Tendo xa advertido do precario estado do Museo, un 16 de setembro de 1985, róubanse desta institución dúas pequenas táboas de Rubens, as que, a finais do século XIX, foron doados pola familia Arévalo á Academia para o futuro museo, afortunadamente, ao cabo do tempo, reaparecerían. O feito serviu de detonante para fondos cambios: independencia do museo da Academia, novos espazos para este dotación de persoal cualificado.

Ao cabo dos anos a Academia seguiu aumentando a súa actividade, incrementando as coleccións con novas obras, os arquivos documentais coa formación do Arquivo Musical, o fotográfico, o documental de Chamoso Lamas, etc... Novamente os espazos e o persoal son insuficientes e tema urxente no cartafol das reclamacións, Servirá este 2024 3 aínda o 25, cando a Academia está presidida polo pintor Manuel Quintana Martelo para repoñer e activar tan significativa historia.